CRPIH

14/02/2007
Logo BILEGA. Bibliografía Informatizada da Lingua Galega

Bibliografía analítica deseñada como base de datos relacional que ofrece información sobre traballos de investigación, divulgación e opinión que teñen por obxecto a lingua galega en calquera das fases do seu desenvolvemento histórico.

Consonte un dos obxectivos fundacionais do Centro Ramón Piñeiro, ofrece en formato dixital información bibliográfica exhaustiva e actualizada sobre a lingua galega a investigadores e outras persoas que, por calquera razón, necesiten obter información sobre os traballos realizados dende o século XVIII verbo da nosa lingua.

Principais características da BILEGA:

  • Cada rexistro trata de fornecer a historia editorial completa do traballo (incluídas as notas de publicación e recensións a que deu lugar).
  • Inclúe información sobre edicións dixitais e, nomeadamente, sobre edicións en liña venais e non venais.
  • Contén un importante número de referencias sobre traballos panrománicos, iberorrománicos, portugueses, casteláns e astur-leoneses que tamén tratan do galego, así como sobre traballos doutros campos (etnografía, antropoloxía, etc.) útiles para o estudo do léxico galego.
  • Ofrece sinopses sobre o contido das referencias bibliográficas, coa especificación de milleiros de topónimos, antropónimos e voces comúns que son analizados nalgún traballo.
  • Deseñada con ricas ferramentas de busca de información mediante índices e tesauros xerarquizados que permiten buscas moi precisas.
  • Implementada con varios parámetros de caracterización lingüística das referencias bibliográficas (temas, enfoque metodolóxico, período lingüístico, variedade lingüística, ámbito). Tamén permite facer buscas por autores estudados (lingüistas, filólogos, etnógrafos ou autores literarios).

Dirección/Coordinación

Francisco García Gondar

Persoal vinculado

Ata agora participaron no desenvolvemento do proxecto como bolseiros do Centro as seguintes persoas:

María Teresa Araújo García (1994-2001), Cristina Blanco González (2001-2004), Amparo Cereixo Silva (2004-2006), Inés Diz Gamallo (1994-2001), Eva Domínguez Noya (1995-2001), Susana García Rodríguez (1997-2000), Déborah González Martínez (2002-2006), María Teresa Monteagudo Cabaleiro (1994-1998), Damián Suárez Vázquez (2004-2006), Pilar Vázquez Grandas (1994-1998).

Dende outubro de 2006 participan Silvana Castro García, como responsable da xestión e actualización da base de datos, e María Teresa Araújo García, Cristina Blanco González, Amparo Cereixo Silva, Déborah González Martínez, Bárbara Lübke e Carmen Mellado Blanco, como colaboradoras.

Desenvolvemento informático

  • Fernando Magán Muñoz
  • José Carlos Sánchez Rivas

Publicacións resultantes

García Gondar, Francisco (dir.), María Teresa Araújo García, Inés Diz Gamallo, María Teresa Monteagudo Cabaleiro, Pilar Vázquez Grandas (1995): Repertorio biliográfico da lingüística galega: Desde os seus inicios ata 1994 inclusive, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia: Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

López Martínez, Marisol (1998): "A base de datos BILEGA (Bibliografía Informatizada da Lingua Galega)", en Alexandre Rodríguez Guerra (dir., coord. e ed.), Galicia dende Salamanca 2, Salamanca, Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Política Lingüística / Universidad de Salamanca, Área de Galego-Portugués, páxs. 289-295.

García Gondar, Francisco (2000): "La presencia del gallego en la filología española (1914-1970): Análisis de algunas revistas", en Marina Maquieira Rodríguez, Mª Dolores Martínez Gavilán & Milka Villayandre Llamazares (eds.), Actas del II Congreso Internacional de la Sociedad Española de Historiografía Lingüística (León, 2-5 de marzo de 1999), Madrid: Arco Libros, páxs. 435-446.

García Gondar, Francisco (2003): "De re bibliographica: BILEGA entre os recursos sobre o galego e o portugués na Internet", Revista Galega de Filoloxía, 4, páxs. 59-95.

García Gondar, Francisco (2005): "A contribución de Harri Meier aos estudos etimolóxicos galegos: bosquexo dunha bibliografía analítica", en Ana Isabel Boullón Agrelo et al. (eds.), As tebras alumeadas: Estudos filolóxicos ofrecidos en homenaxe a Ramón Lorenzo, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago, páxs. 141-164.

García Gondar, Francisco (dir.), Cristina Blanco González, Amparo Cereixo Silva, Déborah González Martínez e Damián Suárez Vázquez (2006): Bibliografía analítica da lingua galega (2004), Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.