CRPIH

13/10/2011
Logo Informes de Literatura

Os “Informes de literatura” son un observatorio de e sobre Literatura galega. Realízase anualmente e neles acóllese a produción anual de e sobre Narrativa, Poesía, Teatro (creación e postas en escena), Día das Letras Galegas, Ensaio. Teoría Xeral. Crítica. Biografías. Crónicas, Clásicos greco-latinos, Literatura infantil e xuvenil, Literatura de transmisión oral, Revistas, Premios, Literatura medieval e, cando é necesario, Apéndices que acollen obras doutros anos que chegaron tardiamente.

Os "Informes de literatura" son un observatorio que recolle a produción anual que de e sobre Literatura galega se publica en Galicia e fóra dela. Dende 1995, primeira entrega, e até o ano 1999 publicouse en formato libro, a partir deste ano faise en CD-ROM, en formato PDF, e inclúese na páxiña en liña do Centro, por iso calquera interesado pode consultar e descargar todos os Informes en (www.cirp.es), no apartado denominado "Recursos". A estrutura dos "Informes de Literatura" está conformada polos seguintes apartados: Narrativa, Poesía, Teatro, Día das Letras Galegas, Ensaio. Teoría Xeral. Crítica. Biografías. Crónicas, Clásicos greco-latinos, Literatura Infantil e Xuvenil, Literatura de transmisión oral, Revistas e Literatura Medieval. Ademais dáse noticia de premios, postas en escena (estreas e reposicións) e de novas varias sobre a vida das institucións que acollen a Literatura. Trátase dunha bibliografía descrita da creación e recepción desta Literatura con ánimo de apoiar a investigación, dar información a calquera usuario e observar cómo se constrúe o sistema literario galego dende todos os ámbitos da comunicación literaria.

Dirección/Coordinación

Blanca-Ana Roig Rechou.

Persoal vinculado

Bolseiros, redactores e colaboradores.

Publicacións resultantes

Anualmente un CD-ROM.

Actividades científicas organizadas e previstas

Reunión anual da Rede de Investigación "As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano/Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano" (LIJMI) no mes de setembro.

Participación en reunións científicas, congresos, encontros, cursos e outros eventos

Entre os moitos os que se responde son citas fixas a participación nos Encontros luso-galaico-franceses que se celebran no mes de novembro en Porto (Portugal); nas "Jornadas" anuais que organiza a Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) e a súa sección ELOS (Asociación galego-portuguesa de investigación en Literatura Infantil e Xuvenil) e no Curso de Formación continua "As literaturas infantís e xuvenís do marco ibérico. A súa influencia na formación lectora" que se realiza anualmente de forma virtual na Universidade de Santiago durante o mes de xullo e de forma presencial na Biblioteca Novacaixagalicia en Santiago de Compostela, que cada ano trata unha temática diferente.